|
A lenda
No século XII o nobre Ero, señor destas terras, aburrido das intrigas e ruindades da vida mundana, decidiu consagrarse á oración e penitencia no sagrado Monte Castrove fundando o Mosteiro de Armenteira. Tras recibir catro monxes da Regra do Císter que San Bernardo lle delegara, Ero de Armenteira foi nomeado abade do nacente mosteiro adicado a Santa María, que recibiu donacións e privilexios por parte de monarcas e nobres do Reino.
Santo Ero matinaba moito sobre o Paradiso e pregáballe á Virxe María que lle permitise velo, para coñecer a lediza dos salvados por seren xustos e piadosos. Nun dos seus paseos polo Monte Castrove, o abade pasou por un regato de auga cristalina onde un paxariño cantaba a súa lediza primaveral. Santo Ero engaiolouse do canto do paxaro e parou descansar á sombra dun carballo, ata que o animaliño marchou.
Dando volta cara ao mosteiro, o abade tiña a impresión de que aquel non era o camiño polo que viñera, pero en chegando ao cenobio, a súa sorpresa foi máxima ao ver seu antigo mosteiro convertido nunha construción máis moderna e grande, no que tamén había máis monxes.
Aturdido e desconcertado, Santo Ero dirixiuse a un monxe e expresoulle a súa confusión. Armouse un gran barullo no mosteiro ata que o monxe máis ancián, que oíra falar do vello abade, chegou cun vetusto libro e leu a seguinte historia :
"Santo Ero de Armenteira, nobre e piadoso varón, fundador e abade deste mosteiro, quen nunca máis foi visto despois de saír a meditar ao monte Castrove"
O vello abade comprendeu entón que mentres el estaba a fitar o paxariño aquel, pasaran no mundo uns trescentos anos. Satisfeito do milagre de Santa María ao lle mostrar o paradiso, Santo Ero louvou esta graza e caeu morto nos pés dos abraiados monxes. Desde entón celébrase no campo do Mosteiro a Festa de Santo Ero e a Romaría das Cabezas en honra de Santa María, de propiedades milagreiras para curar as migrañas.
|