AS úLTIMAS INVASIóNS

Do 1008 ao 1038

A cuarta e derradeira invasión viquinga a Galicia foi dirixida polo Santo Rei Olaf cara ás vilas de Castropol, Betanzos, Rivas de Sil e Tui. Ao encontrarse o monarca escandinavo cunhas defensas costeiras ben preparadas para repeler os ataques da súa xente, o Rei Olaf considerou oportuno centrar o desembarco no máis vulnerable sur de Galicia.
Procedente de Normandía, Olaf navegou directamente a Jakobsland, onde chegou en 1008 entrando polo río Miño e atacando a sede episcopal de Tui. O desembarco viquingo foi totalmente sorpresivo e o conde Menedus e o seu exército foron masacrados polos invasores, que destruíron a cidade e prenderon ao bispo Afonso. Tras arrasar Tui, os viquingos continuaron desolando as terras do sur do Reino desde o Miño ata Braga. Tal foi a destrución de Tui que o Rei Afonso V preferiu integrar esta diócese na de Santiago antes que reconstruír toda a cidade, levando a catedral do río ao outeiro para previr outra desfeita como esta.

Xa no 1028, no tempo do Rei Vermudo III, os viquingos volven participar na política interna do Reino de Galicia. O coñecido xefe escandinavo Ulf O Galego desafiou as defensas militares de Arousa e aló desembarcou, non sendo quen de todos xeitos de chegar a Compostela por mor da presión militar exercida polo bispo Cresconio. Sobre 1032, Ulf O Galego aparece loitando preto de Lugo aliado cos nobres que se alzaran contra o Rei Vermudo III. Pouco despois, o bispo Cresconio marchou ao encontro dos viquingos infrinxíndolles unha seria derrota.

O bispo Cresconio da diocese de Compostela determinouse durante o seu mandato a rematar coas invasións viquingas nun momento no que o Reino de Galicia necesitaba seguridade política e económica por mor da crecente afluencia de peregrinos á cidade do Apóstolo. Así, Cresconio fortificou aínda máis a porta marítima de Santiago, Arousa, edificando os Castellum Honesti e mantivo un exército altamente adestrado que foi quen de convencer aos viquingos da xa pouca rendibilidade das invasións a Galicia, como así tal foi, posto que despois de Ulf O Galego, os viquingos non volverían a efectuar ningunha incursión a Jakobsland.

De todos os xeitos, hai unha anecdótica derradeira batalla contra os viquingos no ano 1111, ao participar unha tropa de noruegueses na guerra pola Coroa do Reino entre Dona Urraca e Alfonso de Aragón, loitando estes xunto aos nobres galegos partidarios das pretensións do rei aragonés. O bispo Xelmírez actuou rapidamente e derrotou aos viquingos na Lanzada, liberándoos posteriormente a condición que estes non volvesen a Galicia. A partir daquela, as relacións cos escandinavos tornarían máis fluídas, como amosa o feito de que uns arquitectos normandos foran traídos a Compostela para realizaren as primeiras obras da Catedral de Santiago.

# Enlace permanente a este contido
Utiliza este enlace para copiar como acceso directo ou para engadir a favoritos.
As invasións viquingas >>
As primeiras invasións >>
As segungas invasións >>

Contidos relacionados
 



info@riasbaixas.net
Tlf.: (+34) 902 23 31 31
By Abertal ©