|
PRAIAS NO LÉREZ (05-03-2007)
Pontevedra segue apostando polo aproveitamento turístico do río
Despois dos millóns de euros que as Administracións destinaron a limpar o cauce do Lérez, o Concello de Pontevedra demostra que quere apostar polo río da cidade como lugar de lecer e recreación turística.
Para a primavera do 2007 prevese que estean listas dúas praias fluviais, nas dúas beiras do Lérez, á altura da ponte do ferrocarril. O proxecto está en marcha. O encargado das obras analizará as correntes do río para delimitar as zonas de baño, que estarán balizadas. Tamén haberá casetas para os bañistas, novos accesos, así como a recuperación dalgunhas escaleiras de pedra que xa existen no lugar.
As mostraxes feitas polo Concello apuntan que a calidade da auga cumpre os requisitos da bandeira azul europea.
A maiores, o Goberno municipal estuda a posibilidade de complementar estes areais con piscinas ao aire libre. Isto dependerá xa de que haxa terreos dispoñibles (a futura urbanización de Tafisa é unha das opcións analizadas) e de que Costas autorice as obras.
|